21/10/05

"OLLOS"

O outro día atopeime cun artigo de La voz de Galicia que eu tiña gardado. Tratase dun artigo publicado no xa nomeado xornal do día 7 de setembro, o día antes do día “grande” das festas patronais. Este artigo está escrito polo noso querido exalcalde. Eu limitareime a transcribilo a continuación:

DENDE A BARREIRA

JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ ANDINA


SON DÍAS DE FESTA e ben é certo que o que cumpre é pasalo ben e esquecerse da realidade cotiá, É tempo de facer unha invitación a todos os veciños e visitantes para que participen da vida social e festiva de Ribadeo e se divirtan. Vaia todo iso por diante. Pero o estar en festas non debe facernos obviar cal é a realidade do Concello onde vivimos e cales son as súas perspectivas de futuro. Hai xa máis de dous anos que se celebraron as eleccións municipais, que gañou por clara maioría o Partido Popular e a candidatura que eu encabezaba. Dende aquí o meu agradecemento, unha vez máis, a toda a xente que depositou a súa confianza en nos.
Nembargantes, por unha coalición entre PSOE e o BNG que el enchéronse de definir como progresista –cabe preguntarse que entenden por iso- elixiuse un equipo de goberno con dous alcaldes, primeiro e segundo. Nestes dous anos tiveron tempo dabondo para dar ese xiro que tanto pregonaron ao Concello de Ribadeo. E eu pregúntome, en qué se notou?
Notouse acaso nunha falta absoluta de coordinación no traballo municipal, quizais porque se trata dun goberno bicéfalo?
Notouse nas relacións institucionais, cunha tensión ata agora descoñecida no Concello de Ribadeo, e non só entre o goberno municipal e a oposición, senón entre os propios membros do bipartito?
Pero indo ao prático, qué nos venden despois de dous anos e pico de mandato, aparte de fume, palabras, propósitos e boas intencións?
As verbas de pouco valen cando petan de fronte coa realidade. E ista é que á marxe dun plan de dinamización turística e dun plan leader, que herdaron de nós e que por certo funcionan bastante mal; á marxe de que sigan redactando o plan xeral, do que eu pregúntome, para cando?; á marxe de que sigan dando novos pasos, xa non sei cantos van, sobre o polígono industrial; a marxe de todos esos asuntos que o anterior goberno municipal do PP deixou autorizados coa correspondente financiación en marcha, que fixeron?
Para cando a posta en marcha de dúas infraestructuras que nós lles deixamos fai dous anos e medio, unha en obras e a outra en período de adxudicación, como son a Casa da Xuventude e o Centro de Estudos iberoamericanos?
Porque aparte destas cousas que lles chegaron ao PSOE e ao BNG sin ter que facer nada, porque foron xestionadas polo PP na anterior lexislatura, que é o que verdadeiramente poden ofrecer en claro á cidadanía ribadense? O máis importante para eles son acaso as estatuas que se adican a colocar aquí e alá?
Son moitas as preguntas que están no ar. Por qué o alcalde primeiro trata de xeito distinto ás empresas de Ribadeo? E refírome en concreto a unha que está ubicada como cámping e á que non lle fai nin caso e a outra que se quere implantar en Rinlo e parece que lle vai a vida nela. Por qué o socio de goberno, o BNG, mantense nunha segunda liña sen mollarse? Por qué xoga o Bloque a estar no goberno e na oposición segundo lle interesa? Son cousas que cidadanía ten que saber, porque o resto é falar por falar, e á hora da verdade, nada.
Pero imos darlles outra oportunidade. Imos ver si agora con este novo goberno autonómico saen adiante cousas coas que se lles enchían a boca cando estaban na oposición e agora non fan nada, como o xulgado.
Á vista de todo isto, e de que habendo dous alcaldes con adicación exclusiva a atención ó cidadán é moi inferior a cando había un, creo que os ribadenses teñen moi claro en que consiste ese autoproclamado a bombo e platillo goberno de progreso para Ribadeo, que insisto non foi votado nas urnas, senón que é produto dun pacto ficticio baseado na convivencia, non no beneficio de Ribadeo.

José Carlos Rodríguez Andina é pórtavoz do grupo municipal do PP ribadense.

Despois de ler isto é tendo en conta estes datos eu pregúntolle o internauta que leu este artigo, que entenden eles por progreso?

Segundo o diccionario progreso quere dicir dúas cousas:

1. Avance, adianto.
2. Desevolvemento continúo; evolución, mellora.

Ben, pois analicemos as dúas acepcións. A primeira non nos interesa posto que o único avance que puido existir foi o avance das falsas promesas que o actual goberno bicéfalo está a transmitir e a segunda, tampouco porque se algunha vez houbo un desenvolvemento ou unha mellora desde logo, e creo que o lector estará dacordo comigo en isto, non foi continuo.

Entón porque o actual goberno segue a querer chamarse progresista, goberno que en vez de ser un bipartito debería ser chamado bipartido, posto que está partido por dous lados. Por un lado están os do Bloque que aínda formando goberno segue a estar na oposición e segue a cambiar a chaqueta segundo de onde sopre o vento e por outro lado os do PSOE que aparte de non poder convivir ca outra cabeza, entendendo como a “outra cabeza” ó BNG, ten que pasar por riba os de ADEGA, ademais solidarizarse cos habitantes de Rinlo esquecendo ós de Ribadeo, OLLO que non isto non culpo ós de Rinlo que queren que a construcción da planta siga adiante, e máis, póñome da súa parte. E falando de OLLOS, se alguén pasa polo paseo que vai dende o cargadeiro ata o faro da Illa Pancha, lugar que como eu puiden comprobar nos meus normais paseos en bicicleta nas tardes de verán está moi concurrido polos turistas e que ademais non poden facer máis que ler un cartel e dar a volta posto que o acceso o faro está pechado, ten un pavimento en moi mal estado e non saben mais que poñer “OJOs” pintados en blanco. Pero, a que se refiren con OLLO?, porque segundo o diccionario OLLO quere dicir o seguinte:

1. Órgano da vista (da mala vista que hai que ter para non ver os buratos que ten o paseo marítimo de marras).
2. Burato que teñen algunhas cousas, ollal. (Esta acepción si que vale, válenos para os buratos no pavimento e os buratos na lexislatura de Vacas).
3. Burato da agulla por onde entra o fío, (o fío si que pasa polo OLLO pero as mentiras non).

Entón se recapacitamos e meditamos tendo como base a anterior información creo que os lectores agora seguro que estarán dacordo todos comigo en que chamar progresista, a un goberno que non progresa é unha tontería. Debería ser chamado bicéfalo e ademais ciclópeo posto que só ve por un OLLO, outra vez volvemos ós OLLOS, que cal é este ollo? pois como xa dixen o OLLO que lle interesa, o que lle guiña a uns e lle pecha a outros. Despídome ata mañá e recordade que debedes andar con OLLO.

No hay comentarios: