29/10/05

A QUÉN AFECTARÁ O CAMBIO HORARIO?

O cambio horario que se efectuará esta madrugada as 3.00 (que ó efectuar o cambio serán as 2.00) afectará a lactantes e maiores, posto que afectará ó seu sono; a camioneiros, que algúns deberán facer “horas extra”; a cazadores, pola confusión que existirá para erguerse a tempo; a xuventude e camareiros, reciprocamente; que uns se divertirá esta madrugada unha hora máis e outros terán que traballar. Con isto quero deixar claro o importante que é o tempo nas nosas vidas, unha soa hora fai cambiar toda unha noite.

26/10/05

XA NON HAI “OLLOS”

O outro día collín a bicicleta e fun ata o faro de Illa Pancha e logo ata o cargadeiro. Pero para a miña sorpresa dos “OLLOS” só quedaba o nome. Non había ocos so quedaba a advertencia. Ben, o alcalde fixo algo ó xeito, pero a boas horas mangas verdes. Pois agora xa se foron os turistas e xa tiveron tempo de facernos unha boa publicidade (note aquí o lector a ironía) os buratos xa non están pero quedou a súa pegada. Non sei se o anterior artigo que eu escribín, véxase a entrada “OLLOS" , serviu de algo pero polo menos o orde restableceuse (volva o lector a notar a miña ironía). En fin, máis vale tarde que nunca.

25/10/05

ARMADOS ATA OS DENTES

Seguro que xa recibistedes a nova do gran arsenal atopado na ría de Ribadeo, fose por fontes fiables ou non (esta páxina non sei en que grupo estará ;) ), a saber:

254 cartuchos dun fusil mauser fabricados non anos 50 e 60, que usou o Exercito.
335 cartuchos para pistola do nove largo, fabricados nos anos 50, que tamén usou o Exército.
151 cartuchos do nove parabéllum tamén para pistola, da década dos 80.
69 cartuchos do nove corto, dos 80 tamén.
25 balas ás cales se lles descoñece o calibre.


Os cales forman nada máis que 834 unidades de munición. Material dabondo para matar case ó 10 % da poboación ribadense.

Ademais diso tamén teño outras noticias para hoxe. Hoxe como moitos saben é o día da Internet e por iso permitinme o privilexio de redactar a relación de páxinas, só as que eu coñezo, vinculadas con Ribadeo:

Ribadeando
A páxina de Antonio Gregorio Montes.
Albipedi
Dunha compañeira.
Cope da costa
Sobre a Mariña en xeral: noticias, axenda, etc.
Ribadeo on-line
Ribadeo actual
A nova web de Ribadeo.
Ribadeo
IES Porta da Auga
IES Porta da Auga, a súa historia e os distintos departamentos e actividades.
Eu non coñezo máis, se vós coñecerades máis, non dubidedes en publicar un comentario coa dirección e unha breve descrición. Ata sempre.

23/10/05

A FORTALEZA

Formada por dúas torres de planta cadrada, unidas por unha muralla de 17 varas de alto e 3 e media de groso*, o que facía un patio rectangular, en cales ángulos N. e E. Levántanse as torres. Todo esto cercado por outra muralla mais baixa da que falaremos outro día. Para chegar á fortaleza so tés que, partindo da Rúa Rodríguez Murias no cruce chamado “as catro calles”, e tomar a rúa Viejo Pancho e logo a rúa Antonio Otero e dende aqúi pódese ver a man esquerda a muralla e o lonxe a fortaleza. Para coller outra referencia, se segues esta rúa en dirección á ría chegaras ó porto deportivo de Porcillán. De momento desconozco se existe unha entrada, e se esto fose certo onde se encontra e se está permitido o paso. Completarei esta entrada posteriormente. E recordade que si vivides en Ribadeo andade con "OLLOS".

*1 vara=80 cm. 17 varas=1360 cm.=13,6 m. 3,5 varas=280 cm.=2,8 m.

22/10/05

Botar a Valín, un roubo disfrazado

Na pasada sesión plenaria sobre a piscina municipal botouse a Manuel Valín apenas sin razón algunha, ou si, unha razón era obter a maioría absoluta. O intrigante goberno bicéfalo e ciclópeo que actualmente rexenta Ribadeo conspira cada vez que pode e, cando non, está buscando amizades como fai Vacas. Se queren leer un artigo sobre isto vaian a Cope da costa.

21/10/05

Vello refrán

O outro día atopei un vello refrán, máis ben un dito, sobre Ribadeo. Seguro que o coñecedes. Ollo que ninguén se sinta ofendido ó lelo, di así:

Castropol, corral de vacas;
as Figueiras, de cabritos;
a Veiga, de folgazáis;
Ribadeo, de señoritos.
Este dito foi extraido do libro Falan os de Ribadeo de Francisco Lanza.
Analicemos o texto, primeiro parágrafo:
Castropol, corral de vacas.
Aquí non sei se se referirá o noso alcalde que igual ten algo que ver con isto.
Segundo parágrafo:
As Figueiras, de cabritos.
Que eu sepa Suárez non provén das Figueiras.
Terceiro:
A Veiga, de folgazáis.
Este vale para os dous anteriores suxeitos.
E por último, pero non penos importante.
Ribadeo, de señoritos.
Isto que cada un o interprete como queira.
Ben, pois un destes días falarei sobre os xentilicios coloquiais das parroquias de Ribadeo. Andade con "OLLO"

"OLLOS"

O outro día atopeime cun artigo de La voz de Galicia que eu tiña gardado. Tratase dun artigo publicado no xa nomeado xornal do día 7 de setembro, o día antes do día “grande” das festas patronais. Este artigo está escrito polo noso querido exalcalde. Eu limitareime a transcribilo a continuación:

DENDE A BARREIRA

JOSÉ CARLOS RODRÍGUEZ ANDINA


SON DÍAS DE FESTA e ben é certo que o que cumpre é pasalo ben e esquecerse da realidade cotiá, É tempo de facer unha invitación a todos os veciños e visitantes para que participen da vida social e festiva de Ribadeo e se divirtan. Vaia todo iso por diante. Pero o estar en festas non debe facernos obviar cal é a realidade do Concello onde vivimos e cales son as súas perspectivas de futuro. Hai xa máis de dous anos que se celebraron as eleccións municipais, que gañou por clara maioría o Partido Popular e a candidatura que eu encabezaba. Dende aquí o meu agradecemento, unha vez máis, a toda a xente que depositou a súa confianza en nos.
Nembargantes, por unha coalición entre PSOE e o BNG que el enchéronse de definir como progresista –cabe preguntarse que entenden por iso- elixiuse un equipo de goberno con dous alcaldes, primeiro e segundo. Nestes dous anos tiveron tempo dabondo para dar ese xiro que tanto pregonaron ao Concello de Ribadeo. E eu pregúntome, en qué se notou?
Notouse acaso nunha falta absoluta de coordinación no traballo municipal, quizais porque se trata dun goberno bicéfalo?
Notouse nas relacións institucionais, cunha tensión ata agora descoñecida no Concello de Ribadeo, e non só entre o goberno municipal e a oposición, senón entre os propios membros do bipartito?
Pero indo ao prático, qué nos venden despois de dous anos e pico de mandato, aparte de fume, palabras, propósitos e boas intencións?
As verbas de pouco valen cando petan de fronte coa realidade. E ista é que á marxe dun plan de dinamización turística e dun plan leader, que herdaron de nós e que por certo funcionan bastante mal; á marxe de que sigan redactando o plan xeral, do que eu pregúntome, para cando?; á marxe de que sigan dando novos pasos, xa non sei cantos van, sobre o polígono industrial; a marxe de todos esos asuntos que o anterior goberno municipal do PP deixou autorizados coa correspondente financiación en marcha, que fixeron?
Para cando a posta en marcha de dúas infraestructuras que nós lles deixamos fai dous anos e medio, unha en obras e a outra en período de adxudicación, como son a Casa da Xuventude e o Centro de Estudos iberoamericanos?
Porque aparte destas cousas que lles chegaron ao PSOE e ao BNG sin ter que facer nada, porque foron xestionadas polo PP na anterior lexislatura, que é o que verdadeiramente poden ofrecer en claro á cidadanía ribadense? O máis importante para eles son acaso as estatuas que se adican a colocar aquí e alá?
Son moitas as preguntas que están no ar. Por qué o alcalde primeiro trata de xeito distinto ás empresas de Ribadeo? E refírome en concreto a unha que está ubicada como cámping e á que non lle fai nin caso e a outra que se quere implantar en Rinlo e parece que lle vai a vida nela. Por qué o socio de goberno, o BNG, mantense nunha segunda liña sen mollarse? Por qué xoga o Bloque a estar no goberno e na oposición segundo lle interesa? Son cousas que cidadanía ten que saber, porque o resto é falar por falar, e á hora da verdade, nada.
Pero imos darlles outra oportunidade. Imos ver si agora con este novo goberno autonómico saen adiante cousas coas que se lles enchían a boca cando estaban na oposición e agora non fan nada, como o xulgado.
Á vista de todo isto, e de que habendo dous alcaldes con adicación exclusiva a atención ó cidadán é moi inferior a cando había un, creo que os ribadenses teñen moi claro en que consiste ese autoproclamado a bombo e platillo goberno de progreso para Ribadeo, que insisto non foi votado nas urnas, senón que é produto dun pacto ficticio baseado na convivencia, non no beneficio de Ribadeo.

José Carlos Rodríguez Andina é pórtavoz do grupo municipal do PP ribadense.

Despois de ler isto é tendo en conta estes datos eu pregúntolle o internauta que leu este artigo, que entenden eles por progreso?

Segundo o diccionario progreso quere dicir dúas cousas:

1. Avance, adianto.
2. Desevolvemento continúo; evolución, mellora.

Ben, pois analicemos as dúas acepcións. A primeira non nos interesa posto que o único avance que puido existir foi o avance das falsas promesas que o actual goberno bicéfalo está a transmitir e a segunda, tampouco porque se algunha vez houbo un desenvolvemento ou unha mellora desde logo, e creo que o lector estará dacordo comigo en isto, non foi continuo.

Entón porque o actual goberno segue a querer chamarse progresista, goberno que en vez de ser un bipartito debería ser chamado bipartido, posto que está partido por dous lados. Por un lado están os do Bloque que aínda formando goberno segue a estar na oposición e segue a cambiar a chaqueta segundo de onde sopre o vento e por outro lado os do PSOE que aparte de non poder convivir ca outra cabeza, entendendo como a “outra cabeza” ó BNG, ten que pasar por riba os de ADEGA, ademais solidarizarse cos habitantes de Rinlo esquecendo ós de Ribadeo, OLLO que non isto non culpo ós de Rinlo que queren que a construcción da planta siga adiante, e máis, póñome da súa parte. E falando de OLLOS, se alguén pasa polo paseo que vai dende o cargadeiro ata o faro da Illa Pancha, lugar que como eu puiden comprobar nos meus normais paseos en bicicleta nas tardes de verán está moi concurrido polos turistas e que ademais non poden facer máis que ler un cartel e dar a volta posto que o acceso o faro está pechado, ten un pavimento en moi mal estado e non saben mais que poñer “OJOs” pintados en blanco. Pero, a que se refiren con OLLO?, porque segundo o diccionario OLLO quere dicir o seguinte:

1. Órgano da vista (da mala vista que hai que ter para non ver os buratos que ten o paseo marítimo de marras).
2. Burato que teñen algunhas cousas, ollal. (Esta acepción si que vale, válenos para os buratos no pavimento e os buratos na lexislatura de Vacas).
3. Burato da agulla por onde entra o fío, (o fío si que pasa polo OLLO pero as mentiras non).

Entón se recapacitamos e meditamos tendo como base a anterior información creo que os lectores agora seguro que estarán dacordo todos comigo en que chamar progresista, a un goberno que non progresa é unha tontería. Debería ser chamado bicéfalo e ademais ciclópeo posto que só ve por un OLLO, outra vez volvemos ós OLLOS, que cal é este ollo? pois como xa dixen o OLLO que lle interesa, o que lle guiña a uns e lle pecha a outros. Despídome ata mañá e recordade que debedes andar con OLLO.

20/10/05

A PROVINCIA DE RIBADEO


Quería falar dun tema pouco coñecido polo xeral dos ribadenses, a provincia de Ribadeo, a quinta provincia de Galicia. Quizá un soño, quizá so unha esperanza ou quizá só un mito:
Con razóns sólidas, e tal vez pensando en desquitarse un pouco das inxustizas de Mondoñedo, o Concello ribadense dirixiuse en 1842 ó Congreso Nacional, solicitando a formación dunha quinta provincia galega da que tiña que ser capital a vila de Ribadeo.

Propoñían aqueles bos rexedores que esta nova provincia quedase formada pola antiga provincia de Mondoñedo e polo territorio comprendido entre os ríos Eo e Navia.

O Congreso Nacional non accedeu á razoable pretensión do Concello, deixando que Galicia continuase desposuída das terras de Ribadeo.

Agardamos sen embargo que algún día se reparará a inxustiza cometida fai oito séculos por dous señores bispos en discordia.

Texto extraído do Libro Ribadeo Antigo, de Francisco Lanza.

Se queredes saber máis sobre a entrañable historia da nosa vila estade atentos a este blog ;). Se queredes saber máis sobre Ribadeo non esquezades visitar a Galipedia .

19/10/05

Visita de docentes turcos a Mariña.


Esta semana un grupo de 15 profesores turcos visitan a Mariña para observar o modelo de Formación Profesional. Esta visita culminara o venres no noso "querido" ;) centro, o IES Porta da auga, no cal se entrevistarán ca "comunidade" eduativa de Ribadeo. Como broche final para isto terán lugar visitas turísticas pola nosa vila.

NOTA: Esta entrada completarase o venres despois da visita dos mestres turcos.

18/10/05

O outro Ribadeo

Neste blog quero amosar a todos unha nova visión de Ribadeo. Nel incluiranse noticias, axenda cultural, rutas para visitar o municipio, lugares de interes, etc. Ten como fin que a xente se anime a visitar a nosa querida vila. Os interesados neste tema tamén poden visitar o blog Ribadeando .