31/3/07

Rematou todo



Onte pola mañá, rematou a XIII Feira da Ciencia e a Tecnoloxía. Anteriormente dixen a ver se podía poñer o cartel, póñovos un tríptico que ten o mesmo deseño e ten máis información. (Facendo click nas imaxes pódense ler as letras pequenas).

29/3/07

Curiosidade: El Ribadense


Vin isto na edición da Mariña do xornal 'La Voz de Galicia', pareceume curioso ver como nunhas cousas avanzamos tanto e noutras (cultura popular, seguridade cidadá, sentimento patrio, ideas xoves e socialistas...) quedamos como estabamos ou peor.

28/3/07

Dúas xornadas da XIII Feira da Ciencia

Xa van aló dous días da nosa Feira da Ciencia, falemos un pouco de cada unha. Na primeira, na inauguración, é de salientar a abraiante e admirable intervención do Excmo. ¿Señor? Alcalde de Ribadeo. Descoñecemos se se trabucara de evento e tiña pensado ir ás “XIII Xornadas Técnicas de Automoción” – cita literal – ou sinxelamente era froito do grande interese que ten ese rexedor noso polo seu pobo, eso que algúns chamaron hipocresía. Logo falaron o director – cun discurso (lido) máis axeitado para un editorial dun xornal que para ser dito – e o delegado provincial de non sabemos que, supoñamos que de educación. Os dous “representantes do pobo” fóronse en canto puideron, quedou eso si o tenente de alcalde primeiro, o que demostra que este último ten moito máis saber estar que o seu superior, e digo esto aínda que non comparta moitas posturas con el.

Despois de todo isto veu unha conferencia sobre metroloxía (medición), ciencia que descoñecía completamente, que se ben comezou resultando interesante acabou cansando pois estendeuse moito.

Fomos todos aos nosos postos a explicar os proxectos e iso foi o que fixemos tamén hoxe. Citarei algúns dos que fixemos os do noso grupo que a min me gustaron:

- Capacidade pulmonar

- A botella fumadora

- Anatomía do corazón e aparello circulatorio (ámbolos dous con mostras reais de corazóns)

- Actuación do diafragma durante a respiración.

- Traballo de divulgación científica sobre o Polonio (persoal)

- Composición da auga

- Solubilidade (CuSO4 e NaCl)

Hai algúns mal, supoño que tempo despois de rematar a Feira se colgarán na páxina do instituto.

17/3/07

Memoria histórica en Ribadeo

Unha persoa recomendoume o outro día olla-lo xornal “El Progreso”. Sorprendinme, ou non tanto, ao ver que seguían ás voltas cos fusilados ribadenses na última contenda que se deu en chan español. Paréceme moi ben que se rece e se recorde a tódolos mortos, sexan da cor que sexan. É obvio que, nesa guerra que uns chaman civil, outros máis descarados incivil, e algúns Cruzada, cometeronse en moitos casos tremendas barbaridades, por parte dos dous bandos. Como dixen, merecen ser recordados os mortos, pero cando se perzonaliza ou, aínda peor, se politiza é xa inadmisible. Se queredes ve-lo artigo podedes velo na páxina do progreso. Por certo, recordame a un pregón de Ribadeo, non sei de que ano, no que tamén se recorda a estes mortos, pero dun xeito peculiar.

Cambiando de tercio, xa comeza a recta final cara a Feira da Ciencia e a Tecnoloxía, non recordo a edición. Para rematar, o cartel, un horror. Se o podo amosar amosareino.