2/4/07

2º contraste de hoxe, 2ª entrada.

Hoxe no meu paseo do serán notei unha diferencia grandísima climática respecto dunha e doutra beira da autovía no tramo que pasa preto da rotonda de entrada oeste de Ribadeo, isto é, facendo publicidade, preto do Hotel 'Voar'. Nun día soleado coma hoxe, do lado de acó (sur) da autovía estase como se debería estar en calquer día de vrao; emporiso, trala autovía sopra o nordés e a diferencia é de moitos graos (cara abaixo). Poucos metros de diferencia, moita temperatura. Unha anécdota.

Contraste ribadense: arquitectura popular e arquitectura "moderna"

Póñovos aquí unhas fotos de arquitectura de Ribadeo. Para que vexades como cambiou a cultura galega polo embate do tempo, e doutros axentes externos tamén. Ademáis unha curiosidade que me gustou moito. Sen comentarios.












----
NOTAS:
Fotografía 1.- Arquitectura tradicional en Vilaselán.
Fotografía 2.- A mesma casa pero preto do hórreo.
Fotografía 3.- Outra casa labrega tradicional en Vilaselán.
Fotografía 4.- Casa actual, totalmente desacorde co estilo da zona, se mal non recordo estaba por Campoxurado.
Fotografías 5 e 6.- Casas de arquitectura moderna en Vilaselán, unha preto da outra e preto das dúas primeiras casas. Vemos o contraste.
Fotografía 7.- Casa de nova construción en Vilaframil.
Fotografía 8.- Esta é a curiosidade que vos quería amosar, unha casa de nova construción, de estilo tradicional e recuberta toda de símbolos celtas :D. Moi bonita, podedes vela en Piñeira, preto da Escola Vella.

31/3/07

Rematou todo



Onte pola mañá, rematou a XIII Feira da Ciencia e a Tecnoloxía. Anteriormente dixen a ver se podía poñer o cartel, póñovos un tríptico que ten o mesmo deseño e ten máis información. (Facendo click nas imaxes pódense ler as letras pequenas).

29/3/07

Curiosidade: El Ribadense


Vin isto na edición da Mariña do xornal 'La Voz de Galicia', pareceume curioso ver como nunhas cousas avanzamos tanto e noutras (cultura popular, seguridade cidadá, sentimento patrio, ideas xoves e socialistas...) quedamos como estabamos ou peor.

28/3/07

Dúas xornadas da XIII Feira da Ciencia

Xa van aló dous días da nosa Feira da Ciencia, falemos un pouco de cada unha. Na primeira, na inauguración, é de salientar a abraiante e admirable intervención do Excmo. ¿Señor? Alcalde de Ribadeo. Descoñecemos se se trabucara de evento e tiña pensado ir ás “XIII Xornadas Técnicas de Automoción” – cita literal – ou sinxelamente era froito do grande interese que ten ese rexedor noso polo seu pobo, eso que algúns chamaron hipocresía. Logo falaron o director – cun discurso (lido) máis axeitado para un editorial dun xornal que para ser dito – e o delegado provincial de non sabemos que, supoñamos que de educación. Os dous “representantes do pobo” fóronse en canto puideron, quedou eso si o tenente de alcalde primeiro, o que demostra que este último ten moito máis saber estar que o seu superior, e digo esto aínda que non comparta moitas posturas con el.

Despois de todo isto veu unha conferencia sobre metroloxía (medición), ciencia que descoñecía completamente, que se ben comezou resultando interesante acabou cansando pois estendeuse moito.

Fomos todos aos nosos postos a explicar os proxectos e iso foi o que fixemos tamén hoxe. Citarei algúns dos que fixemos os do noso grupo que a min me gustaron:

- Capacidade pulmonar

- A botella fumadora

- Anatomía do corazón e aparello circulatorio (ámbolos dous con mostras reais de corazóns)

- Actuación do diafragma durante a respiración.

- Traballo de divulgación científica sobre o Polonio (persoal)

- Composición da auga

- Solubilidade (CuSO4 e NaCl)

Hai algúns mal, supoño que tempo despois de rematar a Feira se colgarán na páxina do instituto.

17/3/07

Memoria histórica en Ribadeo

Unha persoa recomendoume o outro día olla-lo xornal “El Progreso”. Sorprendinme, ou non tanto, ao ver que seguían ás voltas cos fusilados ribadenses na última contenda que se deu en chan español. Paréceme moi ben que se rece e se recorde a tódolos mortos, sexan da cor que sexan. É obvio que, nesa guerra que uns chaman civil, outros máis descarados incivil, e algúns Cruzada, cometeronse en moitos casos tremendas barbaridades, por parte dos dous bandos. Como dixen, merecen ser recordados os mortos, pero cando se perzonaliza ou, aínda peor, se politiza é xa inadmisible. Se queredes ve-lo artigo podedes velo na páxina do progreso. Por certo, recordame a un pregón de Ribadeo, non sei de que ano, no que tamén se recorda a estes mortos, pero dun xeito peculiar.

Cambiando de tercio, xa comeza a recta final cara a Feira da Ciencia e a Tecnoloxía, non recordo a edición. Para rematar, o cartel, un horror. Se o podo amosar amosareino.

19/2/07

Unha entrada que chega atrasada - Antroido chuvioso

Chove en Ribadeo estes días. Chove, e parece que non escampa. Auga, facer fai falla. Auga para lava-la sucidade das rúas ribadenses. Auga para lava-la sucidade política de Ribadeo. Auga para lava-los erros. E auga, tamén, para espelir a algún.

En fin, auga fai falta moita. Tanta fai falla que, inda con todo o que choveu, nada lavou. Mais, ao igual que cae a auga, namentres escribo, tamén cae a noite en Ribadeo.

15/2/07

Pinchazos ou, cómo ter unha vila insegura sen ter que pasar pola universidade?

Segundo oín entre 10 en 20 automóbiles, seguramente dezasete quedaron coas súas rodas desfeitas. De quen é a culpa? Da sociedade? Do goberno? Dos medios de desinformación masivos? Pois un pouco disto e un pouco destoutro.

A sociedade, por ser permisiva e por que non dicilo liberal. Os gobernos, por lavarse as mans. Por certo, un inciso, creo que con tanto lavarse as mans xa superaron os 60 litros/día. E os medios de desinformación por venderse ao diñeiro. Ah o sucio ouro.

Moito ollo, con isto do goberno, non pretendo favorecer a ningún dos partidos existentes, empeorando a situación do que está “gobernando”. Pois incompetencia é o que sobra no país.

Sobre a segunda oración do título, pois non sei. Non lle busquedes a dificultade é moi sinxelo. Gostoume iso, e pareceume provocador. En por iso, púxeno. Como todos sabedes eu xamais ousaría dubidar da capacidade intelectual e da cultura do noso amado “representante do pobo”. Xamais me expoñería a ser tratado de reaccionario.

E así transcorre en Ribadeo unha xornada normal, cada unha tanto ou máis insegura que a precedente. Só cabe preguntarnos: cal será a derradeira?

---


Por certo engado ás ligazóns o blog Ribadeando. Xa me esquecía de poñelo :-D.

13/2/07

De xogos e ciclos

Señores, seguimos co xogo democrático. 4, nada máis e nada menos que 4 partidos. 4 "encarnizados" bandos en Ribadeo. Por se non estaba abondo divididos os habitantes ribadenses, os señoritos pasan a ter unha nova opción. O que, usando un simil económico, "aumenta a competencia e rebaixa os prezos".

O 4 é un número cíclico. 4 son as estacións, cada catro anos é bisesto, 4 son as esquinas dun cadrado, etc. Será isto un agoiro? Traerá isto o peche dun ciclo en Ribadeo? Que virá logo deste ciclo democrático, un novo renacer ribadense - e por que non - galego i europeo?

Ben, a sorte está botada. Vostedes teñen as súas opcións delante. Fagan xogo, señores, pero non esquezan que - e en democracia inda máis - a Banca (si, con maiúsculas) sempre gaña.

1/2/07

Sendeirismo por Ove - Francisco Lanza

  • Distancia a percorrer: 11 km.
  • Saída: 11:30. Aparcadoiro municipal.
  • Regreso: 16.00
  • Día: este sábado